Juventino J. Trigo Rey, alcalde do Concello de Fene, ante a expansión da pandemia provocada polo virus COVID-19 (coronavirus) e logo de ver os acordos adoptados no Consello da Xunta de Galicia do 12-03-2020 relativos á prevención para conter o contaxio do coronavirus que supoñerán, entre outras, a clausura de todos os centros educativos de Galicia.
Logo de contrastar o tema e de chegar á conclusión que lle corresponde á administración municipal (pola súa proximidade á veciñanza e por ser o eixe vertebrador das súas relacións sociais e a prestadora de servizos máis inmediatos) adoptar as medidas preventivas aconselladas polos expertos en saúde pública.
En uso das atribucións que me confire a lexislación vixente RESOLVO:
Primeiro.- Suspender as actividades das escolas deportivas e culturais municipais así como as análogas, dirixidas á veciñanza, promovidas polas áreas de servizos sociais e formación-emprego, a partir das 14:00 h do venres 13 de marzo.
Segundo.- Pechar ao público as instalacións deportivas e culturais municipais -Casa da Cultura, incluíndo Ximnasio Biblioteca Municipal, Museo do Humor e Aula de Estudo; Parque de Educación Viaria; Pavillóns do Ramo e A Xunqueira; Piscina Municipal de Centieiras; Campos de fútbol dos Pinares e Maniños; Aula Municipal de Informática e Aula de Cursos da Área de Cultura e Locais de Ensaio- a partir 14:00 h do venres 13 de marzo.
Terceiro.- Suspender aquelas competicións/actividades deportivas municipais e competicións oficiais que impliquen a asistencia de público. Naqueles casos excepcionais nos que non sexa posible suspendelas ou adialas, estas competicións/actividades terán lugar a porta pechada.
Cuarto.- Aplicar novas limitacións de aforo: en recintos pechados con capacidade para máis de 50 persoas, limitarase a asistencia a un terzo do aforo. No caso de espazos abertos, limítase o aforo a 500 persoas. Estas limitacións tamén serán de aplicación nas cerimonias matrimoniais que teñan lugar en dependencias municipais.
Quinto.- Recomendar ás asociacións e entidades de Fene que apliquen criterios análogos aos establecidos nesta resolución e eviten aglomeracións mentres se manteñan as restricións de asistencia a espectáculos.
Sexto.- Suxerirlle á veciñanza que reduza as xestións presenciais nas dependencias municipais aos casos de urxencia e realizar os trámites e xestións por vía telemática a través da sede electrónica, https://sede.fene.gal/ ou telefónica, utilizando os teléfonos 981 340 366 (habilitado a estes efectos mentres duren estas medidas) e 981 492 707 e o correo electrónico catic@fene.gal
Sétimo.- Todas estas medidas serán de aplicación nos vindeiros 14 días e poderán prorrogarse e/ou revisarse en función de como evolucione a situación.
Oitavo.- Facer un chamamento á veciñanza á ‘disciplina social’ no seguimento das recomendacións e instrucións emanadas das autoridades de saúde pública para evitar a propagación do virus así como á súa capacidade de autoorganización, solidariedade, cooperación interpersoal/veciñal para procurar medidas colaborativas que axuden a facer fronte ás situacións de illamento, coidado de menores/maiores/persoas dependentes que poidan xurdir.
Noveno.- Comunicar o presente Decreto aos servizos municipais e ás empresas contratadas para a prestación dos servizos afectados, así como ordenar a súa publicación na web municipal, no BOP e difundilo entre a poboación.
Fene, 13 de marzo de 2020
Asdo- Juventino J. Trigo Rey