lunes, 24 de abril de 2023

DERROTA POLA MÍNIMA DOS MODESTOS NO CAMPO DO LÍDER

Difícil saída a desta fin de semana a Gallamonde para enfrontarse ao líder da competición, a AD Miño equipo que afronta a recta final da competición nunha inmellorable posición sendo un máis que firme candidato ao título de liga e o consecuente ascenso a Preferente Galicia. E así foi aínda que o partido saldouse con vitoria para os locais inmersos nunha dinámica positiva que sempre é favorable nos momentos de igualdade que é o que realmente sucedeu sobre o terreo de xogo e onde só os detalles fixo que se lle escapase un punto ao Maniños

Saúdo inicial en Gallamonde

O partido empezou con moito respecto por ambas as partes sen ningunha ocasión para apuntar por ningunha das dúas partes e cun Miño esperando a súa oportunidade en forma de aproveitar algún fallo, algunha imprecisión, ben ordenado e coa súa habitual tranquilidade. E así foi, nunha xogada sen aparente perigo, un balón bombeado que parecía que se ía fóra, pero ao que chegou un dianteiro local para metela na área pequena e aí de cabeza outro xogador local adiantaba ao Miño. Pouco despois e produciu unha xogada clave, penalti por mans dun defensor local tras un centro de Juanito. O lanzamento de Iago foi detido polo meta do Miño impedindo o empate. Sen moito máis que contar foron transcorrendo os minutos para finalmente chegar ao tempo de descanso co coñecido (1-0). 

Bo ambente en Gallamode coa presencia de siareiros
de ambos equipos

A segunda parte empezou dunha maneira inmellorable para os locais debido a que nunha rápida contra dobraban o marcador. O único bo é que quedaba toda a segunda parte por diante. Pronto os brancos acurtaron distancias ao rematar de cabeza Dani Rey un saque de esquina perfectamente executado. O resto do partido co mesmo guión, balón para os brancos que tiveron varios achegamentos pero sen crear un perigo real ata que de novo os locais aproveitaron outra imprecisión para poñer o (3-1). Ipi acurtou distancias faltando 3 minutos e con (3-2) xogouse o desconto pero xa non se xogou máis e o Miño tirando de oficio levou os tres puntos nun partido que podía acabar en empate pero a efectividade case ao 100% (do mesmo xeito que na primeira volta) permitiulle sumar os tres puntos. Tamén hai que recoñecer ese punto máis de intensidade polo feito de ser para os locais unha final cada partido de aquí ao final de liga.  

Ipi nunha xogada na segunda metade

Non foi un mal partido do
Maniños que tratou de ti a ti a un líder que sen dúbida o é por efectividade e experiencia en saber gañar este tipo de partidos e é algo que o Maniños debe mellorar se quere aspirar a cotas máis altas. Debutou Aitor no primeiro equipo ao que acompañou Jaime do filial, un habitual nas últimas convocatorias.

Quedan tres xornadas de liga e hai que seguir dignificando a competición pelexando ata o último segundo do último partido.

O vindeiro domingo visita O Pote outro bo equipo como é o Club do Mar de Caión que na ida superou aos brancos nun polémico partido resolvido nos instantes finais.

GO MANIÑOS 

Acta do partido en www.futgal.es, preme aquí

Pablo Mesa en www.radiofusion.eu, preme aquí