lunes, 17 de marzo de 2025

VICTORIA AGÓNICA DOS MODESTOS EN MEICENDE

Triunfo moi importante do Maniños nun campo moi complicado e ante un gran equipo como é o Sporting Meicende ao que sen dúbida a táboa clasificatoria non fai xustiza, posto que practican un fútbol vistoso para o espectador con moi bos xogadores pero ao que non acompañan os resultados pero que sen dúbida superarán esta mala dinámica e subirán aos postos que merecen.

Intre do partido xogado en Meicende

A primeira parte os locais foron mellores sendo posuidores do balón e da iniciativa do xogo, pola súa banda o
Maniños non estivo ben, cunha circulación de balón moi lenta que facilitaba as tarefas defensivas dos locais moi cómodos nestes primeiros 45 minutos. Proba do dominio local foron dous balóns aos paus e algunha intervención dun Mateo moi seguro todo o partido. Cando o partido se aproximaba ao descanso e tras as protestas dos locais reclamando un posible penalti por unha caída na área fenesa, un saque de esquina é rematado de cabeza superando a Mateo e na liña Pedro despexa o balón. O Colexiado tras uns segundos de incerteza posto que o mellor colocado, o auxiliar de bancos non fixo xesto algún nin se dirixiu ao medio do campo, concedeu o gol. Gol de “VAR” aínda que consultados os xogadores do Maniños recoñecen que o balón superou a liña de gol. Por tanto acerto do árbitro e acabouse o debate. Pola súa banda o Maniños e nos seus poucos achegamentos xerou claras ocasións de gol, un pase de Pedro é mal rematado por Hugo en posición inmellorable e Santi cun gran disparo desde fóra da área que tocou o porteiro e o balón saíu rexeitado ao traveseiro o que demostraba que sendo máis constantes e incisivos podíase poñer en apertos aos locais. Con (1-0) foise o partido ao descanso.

Os brancos efectuaron un cambio no descanso entrando Agras por Josiño que tivo un efecto positivo no xogo e é que se equilibrou o centro do campo branco polo xogo posicional de Agras menos móbil que Josiño e que beneficiou as tarefas destrutivas dun Maniños que seguía en labores atacantes sen mover con fluidez o balón. Julián nunha transición rápida tivo a primeira gran ocasión cun disparo potente ao que respondeu o meta local cunha gran parada.  O partido entrou nunha fase sen control onde puxo pasar de todo, desde o segundo gol local ata o empate. A falta de acerto e na toma de decisións por ambas as partes aínda que especialmente polo bando local fixo que o resultado non se alterase chegando á recta final co apertado (1-0) e aí o Maniños tivo o acierto e quizais a sorte que lle faltou noutros partidos. E así unha falta lateral sacada por Julián uns metros despois do medio do campo é cabeceada por David ao fondo das redes. (1-1) e cuns 10 minutos contando o desconto por diante. De novo o partido sen dono e cando se chegaba ao desconto balón ben xogado desde atrás por Javima, o balón chega a Santi que filtra un balón maxistral a Christian que rompe o fóra de xogo pelexando cun defensa que lle aguanta a primeira arremetida quedando o balón morto e aí Christian fusila ao meta local poñendo o definitivo (1-2). De aí ao final nada máis reseñable finalizando o partido ante a alegría da afección fenesa desprazada a Meicende.

Como se dixo ao principio desta crónica, vitoria moi importante pola entidade do rival e no seu terreo de xogo que permite aos brancos situarse no alto da táboa a falta de 9 xornadas o que constitúe todo un reto para os xogadores e Corpo Técnico que deben seguir partido a partido sen mirar máis aló que o próximo que precisamente será un novo derbi local e nesta ocasión ante o CD As Pontes que proba da dificultade do partido é bo lembrar que na primeira volta superou os brancos en O Poboado por (4-2). Será o domingo 23 ao 17.30 H en O Pote.

Parabéns equipo!!! 

GO  MANIÑOS

Acta do partido en www.futgal.es, preme aquí

Adrián Martínez en www.radiofusion.eu, preme aquí