lunes, 31 de marzo de 2025

MAL RESULTADO PERO MELLORES SENSACIÓNS DOS VETERANOS NO COMENZO COPEIRO

    Sábado, 17 horas, Aranga; o Aranga e o Maniños dispoñíanse a disputar o primeiro encontro do Trofeo Delegación 3ª Futgal.

 O desenvolvemento do partido viuse afectado polas condicións do campo, que presentaba un céspede natural en bastante mal estado, con zonas cubertas de area. Isto dificultou especialmente o estilo de xogo máis combinativo dos de O Pote, que tiveron que adaptarse. 

Aínda que o Maniños comezou demostrando superioridade co seu xogo, foi o Aranga quen se adiantou no marcador no minuto 26, aproveitando unha oportunidade clave que deixou aos visitantes contra as cordas. 

A pesar do golpe, non se renderon os brancos, que seguiron confiando no seu xogo. A sorte foi esquiva e chegou o descanso co 1 a 0 favorable ao Aranga. 

Comezaba a segunda metade cun equipo visitante máis canso pero coas ideas claras. Foi no minuto 59 cando o Maniños encontrou a súa recompensa; un bo pase de Javi Pedreiras ás costas da defensa permitiu que Javi Rico provocase un penalti. O propio Rico encargouse de executar o tiro con tranquilidade e efectividade, poñendo o 1-1 no marcador.

 Con todo, a mala fortuna e as difíciles condicións xogaron en contra dos de O Pote demasiado pronto. Unha xogada desafortunada derivou no segundo gol do Aranga, que recuperou a vantaxe. 

O Maniños seguiu insistindo, tratando de mostrar fútbol fluído e xerando varias ocasións perigosas en busca do empate. Nun deses ataques frustrados, unha man inesperada cortou a acción e permitiu ao Aranga realizar un saque de falta rápido. Este movemento sorprendeu á defensa do Maniños e deu paso a unha letal contra que culminou co terceiro gol do Aranga, ante o que nada puideron facer os brancos. 

Os xogadores maniñeses non se renderon e continuaron pelexando con coraxe e, pouco despois, lograron achegarse novamente no marcador. David Coira executou unha falta magnífica que obrigou ao porteiro do Aranga a rexeitar o balón; Javi Rico, atento e oportuno, aproveitou o rexeitamento para anotar o segundo gol dos visitantes, establecendo o 3-2 e enchendo de esperanza ao seu equipo. 

O Maniños mantivo a súa intensidade ata o asubío final, xerando ocasións claras e despregando todo o seu esforzo en busca do empate. Pero o tempo esgotouse sen lograr cambiar o marcador. 

Derrota dos veteranos, que a pesar do resultado marcharon para casa reforzados e se demostraron a si mesmos que van a máis e que teñen argumentos de sobra para competir na competición.

GO MANIÑOS!!

Preme aquí para consultar a Acta do partido

Por Javi Pedreiras