lunes, 8 de junio de 2026

O FILIAL NA FINAL DO PLAYOFF DE ASCENSO A 2ª FUTGAL

ESTAMOS NA FINAL!!!

Hai días que quedan gravados para sempre na memoria dun club, e este é un deles.
O Cultural Maniños conseguiu o pase á gran final do ascenso tras superar ao Xuventud Cabanas nun derbi intenso, igualado e cargado de emoción ata o último suspiro.

Despois da derrota pola mínima na ida, os de Chiki sabían que tocaba remar contra corrente, e fixérono coa personalidade, a entrega e o corazón que caracterizan a este grupo.

Nun O Pote ateigado e empurrando dende o primeiro minuto, o equipo buscou o gol con fe, paciencia e convencemento. A recompensa chegou no segundo tempo cando Hugo Lorenzo abriu o marcador e fixo estoupar de ledicia a bancada.
Co empate na eliminatoria, todo se decidiu dende os once metros...

E alí apareceu a fortaleza mental dun equipo que nunca deixa de crer. Un a un, os lanzamentos foron achegando ao Maniños ao seu obxectivo ata que o 4-3 definitivo desatou a tolemia. Mención especial para o xuvenil Rodrigo que salindo do banco foi decisivo na tanda de penaltis.

Abrazos, bágoas de felicidade, sorrisos e unha afección entregada celebrando xunto aos seus.

Agora só queda un paso... Un último esforzo. Un último partido. Un último reto.

Porque os soños están para perseguilos... e este equipo está máis vivo ca nunca.

E pobre do que queira quitarnos a ilusión.

A POR TODAS NA FINAL, RAPACES!

GO MANIÑOS

Acta do partido en www.futgal.es, preme aquí

Álvaro "Chiqui" Dopico en www.radiofusion.gal, preme aquí