lunes, 31 de enero de 2022

EMPATE AGRIDOCE NUN FEO PARTIDO

Sen dúbida non foi un partido atractivo o disputado na tarde deste domingo no Municipal de Moeche nun partido que enfrontaba aos rapaces de Manel e Juanjo cun dos favoritos da competición como é o ADC Moeche ben dirixidos por Borja Mesa. O partido deixou algo en claro e é que ao equipo cústalle moito adaptarse aos terreos de xogo de herba natural (xa pasara o venres na Veiga de Cabanas) onde o equipo móstrase incómodo e pouco feito a este tipo de superficie.

O partido foi moi igualado, con moi poucas ocasións de gol para ningunha das dúas partes, con moito centrocampismo, pelexa, balóns aéreos e cun Moeche que facía perigo en todas as xogadas a balón parado, córneres e faltas laterais (de feito así chegou o empate). Pola súa banda o Maniños non foi capaz de facer o seu xogo combinativo e por tanto viuse limitado na faceta creativa xogando en exceso en longo o que facilitaba os labores defensivos dos locais.

Instante do partido en Moeche

E neste escenario de pouco fútbol polas dúas partes e coa sensación de que o partido se resolvía a través dun balón parado para os locais ou por unha contra illada visitante que nunca chegou, o Maniños adiantouse cun zurdazo de Casal que sorprendeu ao meta local. O Moeche tentou nivelar a contenda cun acoso á portería de Merino sobre todo na recta final do partido con numerosas xogadas a balón e practicamente na última xogada unha falta lateral evitable foi sacada ao primeiro pau e aí Juan López dun gran cabezazo puxo as táboas e fixo xustiza en relación ao sucedido no terreo de xogo. (1-1) final e repartición de puntos.

Agora hai que facer bo este empate (e o triunfo no aprazado en Cabanas) coa visita do líder da competición a UDC Narahío que será o vindeiro domingo á 12:00 H en O Pote. Partido transcendental para valorar as opcións reais do filial de meterse entre os tres primeiros que dan dereito a xogar a fase final polo título de liga.

GO MANIÑOS

Acta do partido en www.futgal.es, preme aquí

Manel Freire en www.radiofusion.eu, preme aquí